Novas

Sinatura do convenio entre Xunta de Galicia e Asociación Culturgal para a Feira 2020

31 Agosto 2020

A Xunta de Galicia renova a súa colaboración económica coa Asociación Culturgal para a organización en Pontevedra da feira homónima, que celebrará a súa décimo terceira edición do 27 ao 29 de novembro cunha versión adaptada á situación na que primarán a utilidade, a novidade e o alcance das propostas. Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e Víctor López, presidente da asociación, asinaron o convenio mediante o que a Consellería de Cultura e Turismo mantén a súa achega de 65.000 euros para o desenvolvemento deste encontro de referencia para o sector cultural galego.


Tal e como recolle o documento, neste contexto de crise provocada pola covid-19, Culturgal reforza o seu papel como ferramenta necesaria para o sector cultural de Galicia e como dispositivo ao servizo de empresas, entidades e creadores, así como da sociedade en xeral, para contribuír á recuperación e á revitalización de todas as fases da actividade cultural, adoptando as necesarias medidas sanitarias para ofrecerlles un contorno seguro aos participantes.


Neste sentido, a organización avanzou que está a traballar na reestruturación do evento non só desde este punto de vista socio-sanitario, senón tamén para que a edición de 2020 sexa de utilidade para o sector, primando calidade sobre cantidade. Anunciou, así mesmo, que a apertura das convocatorias de stands e de programación está prevista para mediados do mes de setembro.


O convenio asinado incide, así mesmo, en que o obxectivo compartido coa Asociación Culturgal, que integran cinco dos colectivos profesionais máis representativos do sector –Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Dedicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi)–, continúa a ser o fomento da demanda de produtos culturais entre a sociedade galega mediante un programa que conxuga o encontro profesional coa presentación e promoción de produtos e servizos.

“En caso de emerxencia, cultura”: do 27 ao 29 de novembro, Culturgal 2020 en Pontevedra

21 Agosto 2020

Facilitar  a participación de empresas, creadoras e creadores, profesionais e públicos, e estimular a compra de produtos culturais. Eses son os dous obxectivos cos que se traballa na organización da Culturgal, cuxa celebración está prevista en 2020 do 27 ao 29 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Será a décimo terceira edición dunha Feira que este ano debúxase como unha ferramenta necesaria para o sector cultural do país. Non será a mesma Feira nun escenario marcado pola #COVID19 e presentará importantes cambios, pero hai algo inmutable: Culturgal é un dispositivo ao servizo do sector cultural e da sociedade, en xeral. “En caso de emerxencia, cultura”, lema da Feira en 2020.

Culturgal, “insignia cultural” de Galicia no ranking 2019 da Fundación Contemporánea

10 Febreiro 2020

O informe do Observatorio da Cultura de España, auspiciado pola Fundación Contemporánea, é xa un clásico do mes de febreiro desde hai once anos. Expertos de todo o Estado forman parte do panel que selecciona o máis destacado do ano cultural nun documento que, ademais, inclúe as clasificacións por comunidades autónomas. No caso de Galicia, Culturgal é a “insignia cultural” de 2019, ano no que se celebrou en Pontevedra a décimo segunda edición da Feira. Entre os proxectos ou acontecementos culturais do ano no país, a Feira está acompañada polo Teatro Rosalía de Castro da Coruña, Cidade da Cultura, Cineuropa, a película “O Que arde” de Oliver Laxe, S8, Resurrection Fest, Festival Noroeste, Festival Sinsal SON Estrella Galicia e WOS Festival, entre outros.

En 2020 máis festa da cultura do 27 ao 29 de novembro en Pontevedra

12 Decembro 2019

Culturgal pechou a súa décimo segunda edición e despediuse anunciando as datas da edición número trece: do 27 ao 29 de novembro de 2020 en Pontevedra. Unha edición chea de nomes populares e recoñecidos da cultura feita en Galicia que participaron en diferentes actividades da programación no Pazo da Cultura de Pontevedra. Alén das cifras de público, semellantes ás das últimas edicións con algo máis de catorce mil persoas, a organización da Feira recalca o valor cualitativo da Feira: a construción dun espazo colectivo e compartido no que empresas, institucións, creadores e público xúntanse anualmente para festexar o feito cultural.

As entradas Culturgal 2019 en Pontevedra xa están á venda; tamén en autobús!

17 Outubro 2019

Desde xa podes mercar as túas entradas para a décimo segunda edición de Culturgal (Pazo da Cultura de Pontevedra, 29 novembro-1 decembro) en www.ataquilla.com. En 2019, por segundo ano...